miércoles, 22 de mayo de 2013

COMPROMISO POR GALICIA DENUNCIA A APROBACIÓN DAS ÚLTIMAS ORDENANZAS DO CONCELLO DE LOUSAME



CXG denuncia unha política sistemática de suba de prezos e taxas nos servizos
públicos municipais.

Compromiso por Galicia de Lousame, que conta cun concelleiro, mostra a súa oposición ás ordenanzas aprobadas no último pleno por parte do órgano de Goberno do Concello, entre as que se atopan os prezos “públicos” pola prestación do servizo do Centro de Día para persoas maiores de Lousame, a suba de impostos do lixo, a creación dunha nova taxa polo servizo de sumidoiro e depuración de augas residuais, e o establecemento do cobro de taxas por expedición de documentos
administrativos e fotocopias.

O Partido Popular vén de aprobar, facendo uso da súa maioría absoluta, os prezos chamados “públicos” por servizos no Centro de Día aos seus usuarios. Dende o inicio do proxecto, CxG preguntou ao goberno do Concello polo estudo de viabilidade, xa que se trata dun estudo que permite detectar riscos económicos e estimar o posible rendemento dun proxecto. Dito estudo nunca apareceu. Xa que logo, Compromiso entende que tanto a pobre previsión inicial de persoal a contratar coma a dos prezos determinados, non se corresponden a ningún parámetro real, e máis tendo en conta as características do Concello en canto á composición familiar das vivendas. Todo isto agravado, ademais, coa crise económica que tamén afecta a este Concello.

A escala é a seguinte:
Día completo: 500€/mes
Servizo media xornada sen comida: 300€/mes
Servizo media xornada con comida: 400€/mes
A estes prezos engadiríamos, aparte, o transporte, que oscila entre os 60 e os 120 € en función dos km.
Almorzo: 50€/mes
Comida: 100€/mes
Merenda: 50E/mes
Menús: 4.50€/dia
Días soltos: 30€/día
Horas soltas: 5€/hora

CxG insta ao Goberno do Concello á elaboración dun estudo que permita detectar o nivel medio de renda dos habitantes, principalmente daqueles maiores de 65 anos, para así poder determinar os prezos do Centro de Día e que estes sexan asequibles para os veciños e veciñas. Ademais, pide que se faga público o estudo de viabilidade do proxecto, se é que existe.
No mesmo pleno, tamén, se aprobou unha suba na taxa do lixo e creouse unha nova denominada “taxa por servizo de sumidoiros, depuración de augas residuais”, que deberán aboar anualmente todos os usuarios, así como tamén se establece unha taxa por conexión ao servizo do sumidoiro. Ademais, serán efectivas as taxas por expedición da maior parte de documentos administrativos, así como tamén por servizo de copias e impresión.

No hay comentarios:

Publicar un comentario