Este ano, adicadas ao xenial Roberto Vidal Bolaño, escritor e actor que levaba o teatro nas veas.
Nado en Compostela en 1950 e o mesmo día que Castelao morría en Arxentina, dende ben pequeno se interesou polo mundo do teatro, tanto que aos 15 anos participaba na súa primeira obra. Máis adulto e tras pasar por moi variados traballos, convertiu o Grupo Antroido na primeira compañía de teatro de Galicia.
Truncado o seu proxecto de estudar cine en Madrid, a súa pasión naquel momento, Roberto foise autoformando no mundo do audiovisual e elixindo o teatro como medio de vida.
Coñece a autores do panorama europeo e en 1975 participa no espectáculo "Amor e crimes de Xan o Panteira", seguido da creación de "Laudamuco, señor de ningures", obra próxima ao esperpento. Nos 80, volve a aproximarse ao mundo do cine, creando, por exemplo, o guión de "Novo de Parmuíde". Estes esforzos por entrar no mundo audiovisual só se viron recompensados coa participación como actor nalgún filme, e dunha maneira menos intensa, como guionista ou director de pequenas series como "Un mundo de historias", da TVG.
Roberto goza de varios premios e recoñecementos, pero preguntarse pola verdade e as súas formas, pola relación entre a relixión e a ciencia, pola razón e a fe, pola certeza dunha investigación ocorrida no século XIX arredor do que realmente garda a tomba do Apóstolo de Compostela tal vez non era a mellor maneira de gañar a aprobación do poder político da ocasión. Así mesmo, a maioría das súas obras son unha crítica á modernidade, influenciada en boa medida por Ramón Otero Pedrayo e pola estética utilizada por Valle-Inclán.
Xa no 1993 e "de volta" ao teatro, que nunca deixara, dirixe a primeira gran produción independente do teatro galego, "Saxo tenor", seguida de moitas outras como Criaturas (2000) ou Mar revolto (2001). Faise imposible mencionar aquí toda a súa extensa obra, cabe aclarar. Roberto morre de enfermidade aos 52 anos (2002) en Compostela, no mellor momento da súa vida creativa.
Quedámonos coa súa obra, tan xenial como numerosa, así como coa súa imaxe. Hoxe, todos levamos chapeu e nariz de paiaso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario