miércoles, 22 de enero de 2014

CxG eleva aos tribunais a subida do IBI en Muros

CxG eleva aos tribunais a subida do IBI en Muros


Os concelleiros de Compromiso Por Galicia en Muros veñen de presentar unha demanda contra a alcaldesa do pobo, xa que consideran un claro abuso de poder a actuación da rexedora no tratamento da subida do IBI. 


A problemática remóntase á aprobación da nova ponencia de valores co visto bo do goberno municipal, que supón que suban de maneira desmesurada a maior parte dos valores catastrais.

Ademais deste aumento de valores o goberno “socialista” liderado por Caridad González aproba en pleno , tendo que facer uso do voto de 0 da alcaldesa pola ausencia dunha concelleira do PP, a suba do IBI ao 0'6 % para bens tanto urbanos como rústicos (antes estaba en 0'4 % para os urbanos e en 0'3 % para os rústicos).

Esta subida do IBI, xunto coa revisión catastral fan que os recibos da contribución suban brutalmente, chegando algúns a cuadriplicarse e incluso quintuplicarse. Ante tal atraco para os petos dos veciños de Muros , CxG presenta ata en tres ocasións unha proposta para ser debatida e votada en sesión plenaria para que o IBI quede como estaba (no 0'4 % e 0'3 %).

A primeira vez realízase por urxencia no pleno do 26 de setembro de 2013 e A ALCALDESA NÉGASE A DEIXAR VOTAR A URXENCIA, INCUMPRINDO ASÍ O ARTIGO 91.4 DO ROF. Ante esta negativa, CxG presenta esta mesma proposta por rexistro de entrada e acompañada dun escrito dirixido á alcaldía para que sexa incluída na sesión plenaria do mes de outubro. Debido a que a alcaldesa non inclúe a proposta na orde do día da sesión plenaria do 30 de outubro, nesta mesma sesión CxG volve a presentar por urxencia a proposta e A ALCALDESA VOLVE A INCUMPRIR O ARTIGO 91.4 DO ROF VOLVENDO A IMPEDIR A VOTACIÓN DA URXENCIA

Estimamos dende Compromiso Por Galicia un claro abuso de poder que
vulnera os dereitos fundamentais dos concelleiros de CxG e , sobre todo, IMPIDE QUE SE DEBATA E VOTE EN PLENO UN TEMA DE ESPECIAL INTERÉS PARA A CIDADANÍA MURADÁ, algo que CxG non vai consentir e para evitalo vese na obriga de acudir á xustiza. Por iso, o pasado día 8 de xaneiro formalizou unha demanda no xulgado do contencioso-administrativo nº 4 de A Coruña solicitando o seguinte:

a) Que anule o acto da alcaldesa polo que esta impediu a xustificación e votación da inclusión por urxencia da proposta de CxG para deixar o IBI como estaba antes da suba
b) Que requira ao concello de Muros que proceda a convocar novamente o Pleno a fin de tramitar a citada proposta conforme establece o artigo 91.4 do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais.

Esta actitude non é nova por parte da alcaldesa, dende Compromiso Por Galicia recorda que no pleno do 21 de marzo de 2013 a alcaldesa impediu o debate sobre a proposta de CxG para que de gravaran os plenos, ou no pleno do 7 de xullo de 2011 onde expulsou de maneira ilegal á concelleira María Xosé Alfonso para aprobar o seu soldo, e polo que o concello xa acumula dúas sentencias en contra, unha do contencioso-administrativo nº 3 de A Coruña e outra firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.



A razón destes reiterados comportamentos non é outra que evitar que o conxunto plenario poida expresar libremente a súa posición en diferentes cuestións debido a estar o goberno municipal en minoría con 6 concelleiros (dun total de 13), Isto constitúe ademais dunha vulneración do dereito fundamental á participación política dos concelleiros elixidos democraticamente pola cidadanía, un ataque aos máis elementais principios da nosa democracia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario