O xulgado do contencioso-administrativo nº4 de A Coruña acaba de ditar sentencia estimando a demanda interposta pola concelleira de Compromiso por Galicia, María Xosé Alfonso Torres, contra a alcaldesa de Muros, Caridad González, por non permitir esta que se votara, en ningún dos dous plenos ordinarios celebrados en setembro e outubro de 2013, a procedencia da inclusión dunha proposta de Compromiso por Galicia para que o IBI non subira ao 0’6 % e quedara no 0’4 % para bens urbanos e no 0’3 % para bens rústicos.
Dende Compromiso por Galicia sinalan que a sentencia, contra a que cabe recurso de apelación, obriga á alcaldesa de Muros a levar a pleno a proposta de CxG para que sexa o pleno quen decida se se debe debatir ou non e votar esa proposta que, de saír aprobada, faría que o aumento dos recibos da contribución non fora tan brutal.
Para CxG xa é grave que dende o goberno municipal se estea mentindo á xente Muros dicindo que o concello non tivo nada que ver cos novos valores catastrais (cando estes foron posibles porque dende o concello se enviou á Xerencia Rexional do Catastro un informe claramente favorable a eses novos valores catastrais) e culpando exclusivamente ao goberno de Rajoy de subir o IBI ao 0’6 % (cando isto é culpa de Rajoy no ano 2013 e da alcaldesa de Muros a partir do 2014), pero moito máis grave é que o goberno municipal de Muros non teña reparo en incumprir a lei para poñerse o soldo que lle sae da gana (motivo polo que acumula dúas sentencias na súa contra) ou aumentar os ingresos do concello a conta do maltratado peto dos muradáns e muradás. Dende a formación galeguista pregúntanse, en mans de quen estamos.
Asimesmo, dende a formación galeguista CxG, sinalan que o feito de que esta sexa xa a terceira sentencia contra a alcaldesa por abuso de poder é significativo e demostra a actitude ditatorial da alcaldesa ao impedir que sexa toda a corporación en sesión plenaria quen tome certas decisións que lle corresponden por lei ao pleno.
Finalmente, dende CxG queren volver recordar a toda a cidadanía muradá que, tal e como xa anunciaron no seu momento, non se van quedar de brazos cruzados cando se produza un feito como este que perxudica gravemente a maltreita economía de miles de familias muradás e os seus dereitos, e se para corrixilo non lle queda outra que acudir á xustiza faranno as veces que sexa preciso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario