Compromiso por Galicia presentou hoxe en rolda de prensa o ofrecemento ao resto das forzas do espectro galego a facer un gran pacto contra os lumes forestais e para poñer en valor o monte galego nun prazo fóra de desputas electorais, a 20 anos vista.
CxG non ten ningunha dúbida de que a culpa haxa incendios é de quen lle prende lume ao monte, pero a responsabilidade de estes incendios arrasen cada ano miles de hectáreas é de quen goberna, neste caso do PP. A pesar de ter consumido miles de millóns de euros, levamos máis de 20 anos de continuos fracasos na loita contra o lume, fracasos derivados dunha mala política forestal cunha ausencia de labores de prevención e de iniciativas que poñan en valor o noso monte e o conxunto do medio rural. E a isto aínda hai que engadir a prevalencia dos intereses partidistas por enriba dos intereses do noso monte e do noso país. Xa está ben de que cada goberno se dedique a desfacer o que fixo o anterior por que si, ou de que pasen cousas como a ausencia dos edís do PP a un pleno convocado para solicitarlle á Xunta a declaración de zona catastrófica ao Monte Pindo e que active o fondo de emerxencias para evitar riadas despois do asolador incendio que este sufriu.
Pero en Compromiso por Galicia non nos limitamos a criticar o que fai mal o PP, queremos aportar solucións a esta situación que ademáis de destruir o noso País dá unha pésima imaxe exterior de Galicia. E é evidente que para solucionar isto non chega con incrementar as medidas represivas para os que prenden lume, como propón Feijóo, medidas ás que CxG non se opón pero que son insuficientes. E son insuficientes non porque o diga CxG, senón porque dos miles de incendios que cada ano asolan Galicia sóbrannos os dedos dunha man para contar ás persoas que acaban sendo condenadas en firme. Para Compromiso por Galicia o que se precisa para rematar con esta situación é un gran pacto para pór en valor o monte e loitar contra o lume, un pacto no que deben estar ademáis das forzas políticas do noso país outras organizacións como comunidades de montes, profesionais do sector forestal, asociacións de cazadores, organizacións agrarias, grupos ecoloxistas,, etc…..
E para que este gran pacto sexa de obrigado cumprimento independentemente de quen goberne, CxG propón que acabe nunha Lei aprobada no Parlamento Galego por consenso, e que nel se recollan medidas de calado como:
• A restructuración do terreo forestal, facilitando así a rendibilidade coa redución do número de parcelas;
• A ordenación do territorio en función do tipo de actividade (produción de madeira, pastoreo, apicultura,….);
• A modificación do enfoque das inversións e dos traballos do operativo de loita contra o lume, desestacionalizando as súas labores e implementando medidas que fagan posible nun futuro inmediato adicar máis inversión e esforzos á prevención e á vixiancia e menos á extinción.
• Profesionalizar o operativo que debe ser público, cun número estable de efectivos ao longo do ano e cun mando único para evitar descoordinación.
• Apoiar a posta en marcha de proxectos singulares que poñan en valor o monte e de medidas que permitan que se poidan pór en produción as terras agrarias abandonadas.
CxG faralle chegar a tódolos actores implicados esta proposta de gran PACTO GALEGO PARA PÓR EN VALOR O MONTE E LOITAR CONTRA OS LUMES, quedando á espera de que sexamos capaces de pór os intereses de Galicia por diante dos partidistas, e que polo ben do noso País, e para evitar a súa autodestrucción, sexamos capaces de sentarnos a unha mesa e acordar as medidas a pór en marcha nos vindeiros 20 anos para acabar con esta grave situación
No hay comentarios:
Publicar un comentario